Monday 20 de May de 2024

A Xunta destaca a dixitalización como clave para mellorar os resultados e a competitividade das pemes


O director do Igape, Juan Cividanes, subliña que a consolidación da recuperación económica debe pasar pola incorporación das tecnoloxías dixitais, cada vez máis imprescindibles e tamén máis accesibles

O director do Igape, Juan Cividanes destacou hoxe na Coruña a dixitalización como unha das claves para que as pemes poidan mellorar as súas contas de resultades e a súa competitividade, tanto a nivel local como global.

Na súa intervención na clausura do I Foro Internacional sobre transformación dixital que se desenvolveu no Club Financiero Atlántico, Cividanes salientou o programa ReAcciona TIC, impulsado conxuntamente polo Igape e a Amtega para apoiar ás empresas na incorporación de solucións dixitais innovadoras ou da industria 4.0 ás pemes.

O director do Igape subliñou igualmente que a Consellería de Economía, Emprego e Industria resolverá proximamente a segunda convocatoria de axudas do Concurso de Ideas Industria 4.0, unha liña que, ao abeiro da convocatoria anterior, está a apoiar os investimentos neste eido de preto de 40 empresas galegas.

O Igape activará ademais a segunda edición do programa formativo específico para reforzar as habilidades relacionadas coa Industria 4.0 entre traballadores e mandos intermedios de empresas galegas. A iniciativa apoiará programas de formación, para grupo de polo menos cinco traballadores, en ámbitos como a robótica, big data, Internet das cousas, vehículos autónomos, ciberseguridade, Loxística 4.0 ou eficiencia enerxética.

Para facilitar a modernización do tecido produtivo, a Xunta está a impulsar o desenvolvemento da Axenda Galicia-Industria 4.0, como a base do crecemento competitivo do tecido empresarial galego, que impulsará o investimento de 175 millóns de euros nos próximos dous anos, logo de chegar a máis de 4.200 empresas no primeiro bienio.